A ANPA do CEIP Castelao segue reclamando unha adscrición xusta

Durante as últimas semanas, a ANPA do CEIP Castelao de Navia está levando a cabo accións para que se atendan as necesidades educativas do noso barrio. Por este motivo, esta mesma mañá as familias deste centro concetráronse na entrada do colexio para reclamar unha adscrición xusta que non obrigue ás nenas e nenos deste centro a desprazarse a máis de dez quilómetros dos seus fogares con once anos para cursar primeiro da ESO.
Consideramos inaceptable que o alumnado do noso centro teña que desprazarse esta distancia por unha deficiente xestión da administración educativa, que debería organizar os recursos dispoñibles para atender nas mellores condicións posibles ao alumnado. A adscrición do CEIP Castelao ao IES de Valadares non se basea en criterios obxectivos de proximidade, xa que hai varios institutos moito máis próximos ao colexio e hai moitos colexios máis próximos ao IES de Valadares que non están adscritos a este instituto.

Os criterios de proximidade, aplicados para o resto dos colexios de Vigo na asignación do instituto adscrito, deben ser tamén válidos para este. Pero despois do sucesivo cambio de centro adscrito nos últimos cursos do noso colexio (que xa pasou do CPI Celso Emilio Ferreiro ao IES Álvaro Cunqueiro e despois ao IES Alexandre Bóveda, co conseguinte trastorno para as familias que teñen fillas e fillos escolarizados en distintos centros), no curso pasado pasou a estar adscrito, en contra da opinión das familias, ao IES de Valadares.

Por iso, dende a ANPA seguimos rexeitando a adscrición do CEIP Castelao ao IES de Valadares, e esiximos á Consellería de Educación que estableza unha zonificación xusta que non discrimine a ningún neno ou nena da nosa cidade polo colexio no que estea escolarizado.

Anuncios