En relación coas novas publicadas no xornal local “Faro de Vigo” o pasado venres 27 de xaneiro, a ANPA do CEIP Castelao quere expresar o seu absoluto rexeitamento e desacordo coas declaracións emitidas polo Xefe Territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, ao afirmar que as familias estean satisfeitas cunha adscrición claramente imposta. Non dubidamos da profesionalidade do persoal docente do IES Valadares, pero o cambio de adscrición é claramente irregular e parcial, sen ter en conta ningún tipo de estudo contrastado ou a opinión das familias afectadas que tiveron que solicitar a súa praza en Secundaria sen saber certamente onde ían estudar os seus fillos e fillas.

Por este motivo, enviouse un comunicado o mesmo venres para desmentir as declaracións do señor Ares, aínda que inexplicablemente non chegou a publicarse polo que nós consideramos unha falta absoluta á veracidade dos feitos.

Rexeitamos que as familias teñan que aceptar unha adscrición imposta. A actuación da Xefatura Territorial que debe velar polos intereses e benestar do alumnado é, sen dúbida, irregular.

Por todo isto, solicitamos que se busquen solucións consensuais e imparciais para que todo o alumnado poida elixir en igualdade de condicións, sen prexuízo do seu centro de procedencia. É necesaria a elaboración un estudo amplo da distribución da poboación de Vigo e das prazas de Secundaria dispoñibles, tendo en conta os mesmos criterios para todos, tanto para os escolares do ensino público como privado.

Non imos permitir que se menosprecen os dereitos do alumnado do ensino público e seguiremos velando polos seus intereses e os das súas familias.

NON A ADSCRICIÓN IMPOSTA!!

Anuncios